Páginas

lunes, 16 de abril de 2018

Educación Secundaria de Adultos en Galicia






A Educación Secundaria para persoas Adultas (ESA) é equivalente á Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que se estuda no ensino ordinario, aínda que mostra diferenzas na organización dos contidos e na distribución do tempo de estudo.

Está destinada a todas as persoas adultas maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria.

Excepcionalmente, poderán cursar estas ensinanzas persoas maiores de 16 anos que teñan un contrato de traballo ou estean en circunstancias excepcionais que lles impidan realizar estes estudos polo réxime ordinario.

Como se organiza?

Constan de catro módulos de duración cuadrimestral. Cada módulo correspóndese con cada un dos cursos de ESO:
Módulo 1 = 1º de ESO  
Módulo 2 = 2º de ESO 
Módulo 3 = 3º de ESO 
Módulo 4 = 4º de ESO
Cada módulo organízase en tres campos de coñecemento:
  • 1º Ámbito Social: inclúe contidos de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, e os aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual e Música. 
  • 2º Ámbito de Comunicación: Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, Primeira Lingua Estranxeira.
  • 3º Ámbito Científico—tecnolóxico: inclúe contidos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas,Tecnoloxía, Tecnoloxías da información e da comunicación, e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural de Educación Física.

Que duración ten a ESA?

Xeralmente dura 2 cursos académicos. En cada curso pódese cursar dous módulos, cunha duración cuadrimestral. Na modalidade presencial, o total de períodos lectivos destas ensinanzas non poderá ser, en ningún caso, inferior a 1350.


Como cada módulo se corresponde cun curso de ESO, impártense do seguinte xeito:
  • No 1º curso impártese: módulo 1 (1º de ESO) e módulo 2 (2º de ESO)   
  • No 2º curso impártese: módulo 3 (3º de ESO) e módulo 4 (4º de ESO). 
Pódese facer a matrícula nun nivel completo ou de forma parcial nun ou dous ámbitos de coñecemento de calquera dos niveis. 
Poderase permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o ritmo de aprendizaxe o precise. Non hai límite de tempo.


Cales son os requisitos de acceso?

REQUISITOS ACADÉMICOS:
  • Por validación de estudos anteriores. Ver equivalencias ó final desta entrada. 
  • Por superación do módulo anterior.
  • No caso de non poder acreditar estudos anteriores superar unha proba de avaliación inicial (en setembro e en xaneiro), e según  nivel de coñecementos adscribirase a un módulo ou a outro. 
REQUISITOS DE IDADE:
  • No primeiro cuadrimestre (que se imparte de setembro a xaneiro) poden matricularse todas as persoas que cumpran dezaoito anos ata o 31 de decembro. Para o segundo cuadrimestre (que se imparte de febreiro a xuño), poden matricularse os que cumpran dezaoito anos ata o 28 de abril.
  • Poderán matricularse con carácter excepcional as persoas menores de 18 anos que xustifiquen documentalmente algunha destas circunstancias:
  1. Ter cursado ensino de persoas adultas con anterioridade.
  2. Ter un contrato laboral en vigor que non permita asistir aos centros en réxime ordinario e acreditalo no momento da matrícula.
  3. Ser deportistas de alto nivel e acreditalo no momento da matrícula. 
  4. A dirección do centro correspondente poderá autorizar a matriculación do alumnado interno en réxime pechado nun centro de reeducación de menores baixo a custodia do organismo competente da Xunta de Galicia. Para isto será necesario a certificación emitida pola persoa responsable do centro onde o menor cumpra esas medidas de internamento. 
  5. A xefatura territorial tamén poderá autorizar a matriculación na educación secundaria para persoas adultas do alumnado maior de 16 anos ou que os faga no ano natural en que comeza as ensinanzas, nos seguintes casos:
  • Que non poida asistir regularmente a un centro ordinario por enfermidade ou impedimento físico. Para iso será necesario presentar a seguinte documentación: certificación médica oficial, informe da xefatura de departamento de orientación do centro de procedencia e informe da inspección educativa.
  • Alumnado que curse simultaneamente ensinanzas profesionais de música ou de danza, logo de informe da Inspección educativa.
  • Alumnado que curse simultaneamente ensinanzas profesionais de grao medio de artes plásticas e deseño, logo de informe da Inspección educativa.
  • Alumnado que curse simultaneamente un ciclo formativo de grao medio, logo de informe da Inspección educativa.
  • Cando concorran circunstancias que lle impidan acudir a centros educativos ordinarios e que estean debidamente acreditadas (cargas familiares, vítimas de violencia, mulleres embarazadas, etc.) ou que non estivesen escolarizadas no sistema educativo español.

Proba de avaliación inicial para a adscrición do alumnado:
  • Para as persoas sen requisitos académicos os centros efectuarán durante os meses de setembro e de xaneiro un proceso de avaliación inicial, que terá en conta a súa madurez persoal, as aprendizaxes non formais e informais adquiridas, os coñecementos previos e os seus intereses e necesidades, e que facilitará a orientación e adscrición destas á etapa, ao nivel e ao módulo correspondentes.
  • Da avaliación inicial derivarase a adscrición á etapa, ao nivel e módulos que corresponda. O alumnado poderá estar adscrito a un módulo diferente en cada ámbito, en función dos resultados da avaliación inicial.
  • A Comisión de Coordinación Pedagóxica deseñará o modelo do proceso de avaliación inicial que incluirá, polo menos, os seguintes aspectos: 
a) Valoración das certificacións das aprendizaxes non formais realizadas.    
b) Valoración da experiencia laboral.       
c) Unha proba referida, con carácter xeral, aos obxectivos e ás competencias básicas establecidos para cada ámbito.
  • O proceso de avaliación inicial incluirá unha ou varias entrevistas coa persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación, en que se informará o interesado ou interesada da natureza do proceso de avaliación inicial, recollerase información sobre a súa traxectoria formativa e profesional, e propoñeráselle o itinerario formativo coherente con esta.

Certificación:

Ao remate do módulo 4, expedirase o título de graduado en educación secundaria a todas aquelas persoas que acaden os obxectivos xerais establecidos.
Cando non se rematen os estudos correspondentes á educación secundaria obrigatoria, os directores dos centros emitirán unha acreditación onde consten os niveis e módulos cursados así como a cualificación obtida.

O título de graduado en educación secundaria dá acceso ós seguintes estudos:
  • Ciclos formativos de grao medio.
  • Ensinanzas de réxime especial: Artes Plásticas e Deseño, Ensinanzas Deportivas.
  • Bacharelato.
  • Mundo laboral.

Modalidades:

Presencial: Horario lectivo diario, presencial e de asistencia obrigatoria. Os períodos lectivos normalmente son de 45 minutos e o horario impártese xeralmente pola tarde.


Semipresencial: 
Combinación de períodos ou sesións lectivas de carácter presencial e outras actividades de seguimento do alumnado que terán carácter non presencial a través dunha plataforma telemática. Semanalmente desenvolverase unha sesión lectiva presencial dunha hora de duración para o ámbito social, dúas sesións lectivas para o ámbito de comunicación e dúas para o científico-tecnolóxico, en horario que facilite, na medida do posible, unha maior asistencia do alumnado.

As sesións lectivas presenciais, que serán obrigatorias para o alumnado, terán carácter colectivo e dedicaranse, fundamentalmente, a cuestións relacionadas coa planificación de cada módulo e ámbito, a proporcionar as directrices e orientacións necesarias para un bo aproveitamento e ao desenvolvemento dos contidos relevantes do módulo, especialmente os de carácter procedemental.

A Distancia: 
A modalidade a distancia realízase con titorías telemáticas e non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente. Nesta modalidade de ensino as probas de avaliación realizaranse de forma presencial nos centros de adultos das principais cidades de Galicia. 

En determinados supostos permítese o cambio de modalidade ó rematar un cuadrimestre e incluso simultanear diferentes modalidades para diferentes ámbitos. 

Na modalidade a distancia ofertaranse de forma simultánea todos os módulos dos tres ámbitos da educación secundaria organizados por cuadrimestres.

O alumnado utilizará como referente curricular os materiais didácticos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten elaborados para esta modalidade educativa. Estes materiais poderán consultarse na seguinte ligazón: http:// www.edu.xunta.gal/portal/node/23204


Promoción e titulación:
  • O alumnado poderá estar cursando módulos diferentes nos distintos ámbitos e a promoción será por ámbitos de forma independente. Dentro de cada ámbito, o alumnado non poderá ser avaliado dun módulo sen ter superado previamente o precedente ou ter sido promovido a el. Poderase promocionar ao módulo seguinte cun ámbito suspenso sempre e cando o equipo avaliador considere que acadou o nivel de madureza que lle permita continuar con aproveitamento os estudos dese módulo seguinte.
  • O alumnado que non superase a avaliación final dos módulos de cada ámbito cursados no primeiro cuadrimestre poderá realizar no mes de maio unha avaliación extraordinaria deses módulos. Igualmente, o alumnado que non superase a avaliación final ordinaria dos módulos cursados no segundo cuadrimestre poderá realizar no mes de setembro, nas datas que cada ano se determine, unha avaliación extraordinaria.
  • Para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria cumprirá ter superados todos os módulos e ámbitos. Excepcionalmente, o equipo avaliador poderá propor para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumno ou a alumna que sexa avaliado negativamente nun dos ámbitos de coñecemento sempre que acadasen globalmente as competencias básicas e os obxectivos establecidos.
  • A nota media de educación secundaria para persoas adultas será a media aritmética das cualificacións finais de cada un dos ámbitos de coñecemento, arredondada a centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.


Matrícula (datas orientativas,  ver normativa):

MODALIDADE PRESENCIAL: 
Presentación de solicitudes: Do 1 ó 10 de xuño. Ábrense prazos extraordinarios de inscrición en setembro e xaneiro.
Matriculación:  
1º CuadrimestreDo 1 ó 8 de setembro.
2º Cuadrimestre: Do 9 ó 15 de de xaneiro.

MODALIDADE SEMIPRESENCIAL E TELEMÁTICA: 
Presentación de solicitudes de admisión e matrícula:
1º Cuadrimestre: Do 1 de setembro ó 13 de xaneiro.  
2º Cuadrimestre: Do 1 de febreiro ó 28 de abril (semipresencial), do 1 ó 15 de maio (distancia).

CRITERIOS DE PRIORIDADE NA ADXUDICACIÓN DAS PRAZAS:
  • Continuar estudos no propio centro.
  • Proceder das ensinanzas de adultos doutros centros.
  • Ter estado máis tempo desescolarizado.
  • Matricularse de todos os ámbitos dun nivel.
  • Ser deportista de alto rendemento.
  • Menor renda persoal do alumno ou alumna con ingresos ou da unidade familiar a que
  • se pertenza.

Centros que imparten ESA:
  • Pode consultar a rede de centros de modalidade presencial nesta ligazón.
  • A modalidade semipresencial pode cursarse nos seguintes centros: EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, IES de Celanova, EPA Río Lérez (Pontevedra), EPA do Berbés (Vigo).
  • A modalidade a distancia telemática impártese no IES San Clemente (Santiago de Compostela).

Cando a persoa que acceda a estas ensinanzas poida acreditar estudos anteriores poderá acollerse aos cadros de equivalencias recollidas nos anexos III a XI da Orde do 20 de marzo de 2018.

ANEXO III: EGB/BUP
ANEXO IV: ESO_LOMCE
ANEXO V: ESO_LOE
ANEXO VI: FPB
ANEXO VII: PMAR
ANEXO VIII: PDC
ANEXO IX: ESA_LOGSE
ANEXO X: PCPI
ANEXO XI: PROBAS LIBRES ESO















1 comentario:

  1. Mónica
    1- felicidades x tu blog, es de gran ayuda
    2- En la ESPA con esta orden se puede llevar a cabo ACS?

    ResponderEliminar